As aves mariñas que aniñan na costa rochosa de Galicia comparten moitos dos mesmos problemas de conservación. As principais ameazas, como a presión humana, a alteración dos hábitats, a escaseza de alimento ou os efectos do cambio climático, afectan de maneira similar a distintas especies, polo que tamén é necesario planificar medidas de conservación conxuntas e coordinadas.
En Galicia reprodúcense distintas aves mariñas como o corvo mariño cristado (Gulosus aristotelis), a gaivota patiamarela (Larus michahellis), a gaivota escura (Larus fuscus), o gaivotón (Larus marinus), o paíño europeo (Hydrobates pelagicus) a pardela cincenta (Calonectris borealis) e antigamente o arao común (Uria aalge) e a gaivota tridáctila (Rissa tridactyla) . Todas elas dependen da costa rochosa para aniñar e sacar adiante as súas crías.
Co obxectivo de coñecer mellor o estado destas poboacións, realizáronse censos e tarefas de seguimento das aves reprodutoras. Estes traballos centráronse especialmente no corvo mariño cristado, nas diferentes especies de gaivotas do xénero Larus, así como na pardela cincenta.
O censo do corvo mariño cristado e das gaivotas que aniñan en Galicia desenvolveuse ao longo de boa parte da costa galega, excluíndo os tramos e illas incluídos no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. No caso do corvo mariño cristado, os traballos realizáronse entre o 23 de abril e o 9 de maio de 2022, coincidindo co período máis axeitado para detectar os niños activos. Pola súa banda, o seguimento das poboacións reprodutoras de gaivotas patiamarela, escura e gaivotón levouse a cabo entre o 24 de abril e o 23 de xuño de 2022.
Para estimar o tamaño das poboacións nidificantes, utilizouse como unidade de censo o niño ocupado por adultos ou polos, así como os niños construídos total ou parcialmente durante ese mesmo ano. Os lugares de aniñamento foron revisados tanto dende terra como dende o mar, o que permitiu obter unha visión máis completa e precisa da distribución das aves ao longo da costa.

