No marco deste traballo deseñamos e implementamos un sistema integral de avaliación da tendencia poboacional das aves acuáticas invernantes en Galicia, estruturado para analizar a evolución das poboacións a distintas escalas temporais: curto prazo (5 anos), medio prazo (10 anos) e longo prazo (25 anos).
Este sistema permitiunos dispoñer dunha ferramenta sólida e comparábel no tempo para interpretar a dinámica das especies e detectar cambios significativos nas súas poboacións.
Así mesmo, levamos a cabo os censos de aves acuáticas invernantes correspondentes ao período 2023–2025 nun mínimo de 75 localidades distribuídas por todo o territorio galego, incluíndo tanto zonas costeiras como zonas húmidas e masas de auga do interior. Esta cobertura territorial garantiu unha mostra representativa da diversidade de hábitats utilizados polas especies durante a invernada e asegurou a robustez dos resultados obtidos.

