As náiades, moluscos bivalvos de auga doce, enfróntanse dende xa hai décadas a un acusado declive a nivel mundial. A situación non é diferente en Europa, onde fai décadas se daba a voz de alarma sobre a regresión xeneralizada de Margaritifera margaritifera. A falta de datos sobre outras especies de uniónidos non permitía facer unha avaliación sobre o seu estado, especialmente na Península Ibérica. Con todo, os traballos máis recentes sobre o grupo apuntan a unha tendencia negativa xeneralizada das especies ibéricas de uniónidos.
En Galicia coñécense catro especies autóctonas de uniónidos, aínda que os datos sobre as mesmas eran moi escasos ata fai pouco máis dunha década. En 2008 levouse a cabo o primeiro inventario xeral de M. margaritifera para toda a Comunidade Autónoma e dende entón o coñecemento da súa regresión se foi asentando gracias a diversos proxectos de investigación e proxectos Life. Os datos para as restantes tres especies (Potomida littoralis, Unio delphinus e Anodonta anatina) seguen a ser escasos e derivados na súa meirande parte das mostraxes de M. margaritifera. Esta última especie está protexida ó abeiro da Directiva Hábitat e do Catálogo Español de Especies Ameazadas e todas elas están incluidas así mesmo no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, motivo polo cal é preceptiva a redacción dun Plan de Conservación ou Recuperación. En 2019 a Dirección Xeral de Patrimonio Natural seleccionou a eNeBaDa para a realización do documento técnico de base para a elaboración do Plan de Conservación e Recuperación.
O traballo realizámolo en colaboración con Rafael Romero e co grupo de investigación COPEMOL (USC), responsables da meirande parte dos inventarios publicados en Galicia sobre esta familia. Tras recompila-la abundantísima bibliografía publicada máis recentemente sobre o grupo e o seu estado de conservación e integra-los datos dos diversos inventarios e censos levados a cabo nas últimas dúas décadas, realizamos un modelo espacialmente explícito de distribución de cada unha das especies para o ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Os resultados dos mapas de idoneidade de hábitat foron a base para definírmo-las áreas de distribución potencial, mentres que as áreas de presenza e as áreas prioritarias de conservación definímolas a partir dos datos de presenza, densidade e estrutura de idades proveñentes dos inventarios de campo.
Finalmente, establecimos 4 obxectivos e 17 estratexias de conservación, que deron lugar a 24 metas específicas e 80 medidas de acción. Durante o traballo de planificación integráronse os resultados presentados nos traballos previos relativos ó plan de conservación de M. margaritifera de Rafael Romero e o grupo COPEMOL e ós relativos á xestión da bacía do Ulla realizado por eNeBaDa e EOSA para o Life+ Margal Ulla.