Seguimento da poboación nidificante de aguia real (Aquila chrysaetos) en Galicia (2023)

 

 

A aguia real (Aquila chrysaetos) é unha especie de distribución holártica, restrinxida ao hemisferio norte, que na Península Ibérica presenta unha ocupación ampla pero irregular do territorio. En Galicia a súa presenza é moi limitada, cun número reducido de efectivos, motivo polo que se atopa catalogada na categoría de En perigo de extinción no Catálogo Galego de Especies Ameazadas.

 




 

O presente traballo tivo como finalidade analizar o éxito reprodutor da aguia real nos espazos naturais protexidos das serras orientais galegas, así como na súa área de influencia inmediata. O ámbito de estudo centrouse naqueles territorios nos que a especie mantén parellas reprodutoras estables cunha ocupación continuada ao longo dos últimos dez anos.

O estudo correspondente ao ano 2023 realizouse entre os meses de xaneiro e xullo, período que coincide co ciclo reprodutivo da especie. O seguimento levouse a cabo no marco do Servizo para o estudo da reprodución da aguia real (Aquila chrysaetos) en espazos naturais protexidos das serras orientais galegas, contribuíndo a mellorar o coñecemento e a conservación desta especie ameazada en Galicia.